SPOT SEN COMPLEXOS!!

cccc

SPOT ARMADIÑA ROCK ESTRELLA GALICIA 2017 SEN COMPLEXOS! O Armadiña Rock Estrella Galicia 2017 vén de publicar na súa páxina de Facebook (https://www.facebook.com/armadinharock/?fref=ts) o spot publicitario do festival deste ano, cuxo lema é «SEN COMPLEXOS». O equipo técnico e artístico da peza audiovisual está composto por membros da ACDeM Armadiña, encargados tamén da organización do certame Curtas Armadiña.

O anuncio mestura o pasado e mais o presente, un feito histórico e unha boa dose de humor. Inicia coa arribada dunha embarcación tradicional ao porto de Combarro. Unha muller fai soar unha buguina para anunciar a chegada do peixe ao porto. Ao escoitar o son, un dos habitantes da vila mariñeira esperta e sae ao balcón espido. Nese momento, unha guía está a explicarlle a un grupo de turistas diante da casa as características das casas de Combarro. Os turistas sorpréndense ao ver o home desnudo que, en troques de avergoñarse, leva unha grata sorpresa ao pensar que están alí para asistir ao festival de música.

Na vila de Combarro era tradición que os antigos mariñeiros fixesen soar as buguinas cando entraban cos barcos no porto para indicarlle ás mulleres que fosen recoller o peixe fresco. Desta volta, a historia acontece ao revés. O lema escollido para este ano, «SEN COMPLEXOS», ofrécese como convite para que todo o mundo goce sen reparos da música e de todas as actividades ofrecidas nesta edición, facendo sempre un uso responsable do medio e das instalacións.

Ao escenario do ARMADIÑA ROCK ESTRELLA GALICIA, que celebra este ano a súa novena edición, subirán algúns dos mellores grupos do panorama galego, nacional e internacional, entre os que se atopan HEREDEIROS DA CRUS, TALCO, DEF CON DOS, DAKIDARRIA, RUXE RUXE, BALA, O LEO I ARREMECAGHONA ou THE SOUL BREAKERS. O público participante tamén poderá asistir a conferencias, gozar de teatro de rúa e de embarcacións tradicionais ou de actividades destinadas ao público familiar. O festival é de balde, disporá dunha zona de acampada preto de Combarro, centro neurálxico do festival, e conta co patrocinio de Estrella Galicia, vermú Petroni, Ecovidrio e máis de 140 empresas locais e coa colaboración do Concello de Poio, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.

Pra continuar usando este sitio web, tes que estar de acordo co uso de cookies. more information

As propiedades das cookies nesta páxina está postas como "permitido cookies" para dar a mellor navegación posible. Se ti continuas usando o sitio web sen cambiar as propiedades das cookies or premendo "Aceptar", indicará que estás de acordo con iso

Close