Máis de nove mil persoas inundan Combarro

O Armadiña Rock consigue o que ninguén pensaba: superar a asistencia de público con respecto á
edición pasada na súa primeira xornada.

Moita xente foi chegando ao longo do venres desde diversos puntos da xeografía galega e
española para encher de tendas e de bo ambiente o cámping do festival. En total, afincáronse
durante esa xornada máis de 1500 tendas no cámping, e está previsto que o sábado sexa outro día de
moitas máis instalacións.

As actividades para a tarde do venres atraíron a todo tipo de público. O paiaso Popín, Uxía
Lambona e a Banda Molona e mais Peter Punk Pallaso foron os encargados de ofrecer espectáculos
infantís en distintos espazos da vila mariñeira. Moitos nenos e tamén moitos maiores gozaron destas
funcións, caracterizadas pola innovación e a diferenza.

Antes dos concertos nocturnos, Os Queimatasas Batucada encargáronse de quentar o ambiente
das rúas de Combarro coa súa música para dar paso, a partir das dez da noite, aos concertos de
Blues do País, Brinkadelia, Heredeiros da Crus e Dakidarria na praza da Chousa. Nese lugar, punto
neurálxico de Combarro, déronse cita máis de nove mil persoas para cantar, brincar e gozar.
Tras esta primeira xornada, o sábado chegará o día de programación máis intensa do festival. O
Armadiña Rock ofrecerá pola mañá un espazo de presentación de proxectos, diversos obradoiros
infantís, que se manterán durante toda a xornada, e unha sesión vermú a cargo de Skarnivals. A
tarde dará comezo co concerto de O Leo Arremecághona e máis tarde tamén actuará Delombaos.
Haberá unha mesa redonda sobre o percorrido da muller na música e, de novo, espectáculos de rúa.
Os concertos nocturnos darán comezo ás 20:30 na praza da Chousa e os encargados de subir ao
escenario desta volta serán Carla Green&The Demons, Kitai, Ruxe Ruxe, Talco, Def con Dos e
Bala.

Toda a programación do Armadiña Rock 2017 pódese seguir a través da súa páxina oficial e das
redes sociais. Todos os eventos enchen a vila de cor e de festa e repártense nos puntos establecidos
pola organización: Espazo Armadiña Kids Froiz, Espazo Directo Petroni e Espazo Concertos
Estrella Galicia.

Pra continuar usando este sitio web, tes que estar de acordo co uso de cookies. more information

As propiedades das cookies nesta páxina está postas como "permitido cookies" para dar a mellor navegación posible. Se ti continuas usando o sitio web sen cambiar as propiedades das cookies or premendo "Aceptar", indicará que estás de acordo con iso

Close