PRESENTACIÓN ARMADIÑA ROCK 2019

Dubioza Kolektiv, Heredeiros da Crus e Triángulo de Amor Bizarro encabezan o cartaz da XI ARMADIÑA ROCK ESTRELLA GALICIA o cal se celebra do 22 ao 25 de agosto en Combarro.

Combarro 16 de agosto do 2019. Hoxe presentouse a undécima edición do FESTIVAL ARMADIÑA ROCK ESTRELLA GALICIA na praza da Rualeira de Combarro, o festexo celebrarase do 22 ao 25 de agosto. Á presentación asistiron: os representantes de Armadiña Xosé Rial, Víctor Muñiz, Diego Castro e Miguel Fontán,os concelleiros de Poio Gregorio Agís, Silvia Díaz e Chelo Besada, os deputados provinciais Santos Hector e Victoria Alonso e o Alcalde de Poio Luciano Sobral.

Comezou o acto coa intervención do Vicepresidente da ACDeM Armadiña, Xosé Rial. O directivo agradeceu os apoios do Concello de Poio e a Deputación de Pontevedra. Así como tamén os patrocinadores privados, destacando a Estrella Galicia, empresa que leva catro anos apostado polo Armadiña Rock, Johnny Walker e o empresariado local o cal vólcase un ano máis coa celebración do festival.

Rial indicou que “o Armadiña Rock é un festival artesán, feito por persoas que ocupan parte do seu tempo libre en organizalo, agradeceu o traballo de moitos voluntarios que fan posíbel presentar hoxe o cartaz e posibilitan que o Armadiña Rock sexa unha gran festa”.

“Tras once anos o festival aínda trae novidades” destacou o membro da Armadiña. Entre elas destaca que por primeira vez haberá pregoeiro do festival, trátase do artista compostelán Xosé Constenla, o cal ten ligazóns familiares na vila mariñeira e “sabíamos que lle faría moita ilusión, é coñecedor do traballo que fai este colectivo, é sabedor da pequena revolta que o proxecto Armadiña fixo en Combarro. Armadiña partilla con Constela a música, a defensa da cultura do País e do patrimonio. É o mellor candidato posíbel” . O seu pregón será o xoves 22 ás 20:00.

O Festival tamén traerá actuacións de “Circo na Chousa”, un Armadiña Kids onde incorporamos a cultura urbana – skate e graffiti- , conferencias onde trataremos temas coma a música e a mensaxe revolucionaria e compartiremos coloquio con outros colectivos galegos que fan festivais como o noso.

Sumaremos a IV edición ao Concurso de decoración mariñeira para engalanar Combarro. Mais este ano cunha novidade, ábrese o concurso a todo o casco histórico, para que todas as vivendas podan engalanarse e que os negocios adecenten as súas terrazas para que toda a vila celebre a Festa do Mar. “Agradecemos a colaboración dos colectivos locais Mare Podium, A Reiboa e A Solaina os cales participarán coma o xurado que escollerá a mellor decoración” apuntou Rial.

Xa centrado nas bandas do festival, o representante de Armadiña Rock mostrou a súa ledicia de contar cun cartaz completo e con bandas de moito recoñecemento. En total serán vintedúas bandas as que participarán no Festival, vinte das cales son bandas galegas e catro son bandas de Poio. O cartaz estará encabezado por Dubioza Kolektiv, Heredeiros da Crus e Triángulo de Amor Bizarro entre outras. Tamén destacou que por primeira vez participaran un grupo pertencente a propia asociación: As pandeireteiras de Armadiña.

Os bosnios de Dubioza Kolektiv basean a súa música nas súas raíces, mesturando o folclore da súa terra co rock, reggae ou hip-hop. É a gran aposta para esta edición, a banda balcánica é moi coñecida en toda Europa e é un dos pratos fortes deste ano.

Heredeiros da Crus volven a Combarro. Rial destacou que os de Ribeira “son unha referencia do rock galego, é unha das bandas máis solicitadas pola nosa veciñanza e unha aposta segura para un festival”.

Triángulo de Amor Bizarro é unha das bandas máis importantes do indie estatal. Os de Boiro mesturan un son achegado ao punk-rock con melodías pop. “Son unha das apostas desta edición” así reflectiu o representante do Festival .

No cartaz tamén destacan referencias do hip-hop en galego coma Dios Ke Te Crew, bandas tan importantes como Familia Caamagno, Nao, Bastards on Parade, Balkan Bomba ou músicos emerxentes coma son High Paw e Los Jinetes del Trópico.

As sesións vermús realizanse na praza da Rualeira de Combarro e contarán con Falperrys e Ukestra do medio. Haberá por primeira vez unha zona lounge para amenizar a tarde da man de Beti de la Church. Na sesión de tarde, a cal rebautizamos coma sesión fresca, estará The Testas’Van e Sote. Brassica Rapa, Os Queimatasas, Pinguela Terra de Montes, Banda do Patio, Pandeireteiras de Ronsel e Armadiña serán as encargadas de levar a música por todo Combarro. “Na nosa vila vai haber música en todos os recunchos na fin de semana do Festival” acredita Rial .

“Hoxe presentamos unha fin de semana chea de música, só nos queda animar a xente a que veña a Combarro, a gozar dunha gran verbena, dun festival cheo de música galega, a unha festa que é de balde” rematou o representante do Armadiña Rock.

Deseguido falou a deputada Victoria Alonso, a cal comezou a súa intervención felicitando a asociación Armadiña polo “inmenso traballo realizado, non só polo festival Armadiña Rock, se non tamén polo festival de Curtas”.

A deputada indicou que “O Armadiña Rock ten lugar nunha contorna marabillosa como Combarro e conta con todos os ingredientes para ser unha cita musical de referencia”.
Indicou que “as administracións temos que estar o lado das asociación que traballan por consolidar as citas culturais e porque as tradicións perduren”. Rematou a súa intervención “felicitando a organización polo gran traballo e as once edicións que leva o Festival”

Rematou as intervencións o Alcalde de Poio Luciano Sobral. Celebrou unha nova edición do festival e lembrou os comezos. Mostrou a súa satisfacción polo crecemento do Armadiña Rock e recoñeceu “o gran traballo da asociación Armadiña na parroquia Combarro”.

O alcalde lembrou a importancia que ten o Armadiña Rock “sendo un festival de referencia no País”. Ademais centrou a súa intervención destacando a presenza de grupos tan importantes como Heredeiros da Crus, dos cal lembrou as súas actuacións anteriores en Poio.

Sobral rematou animando a asistencia ao festival, pronosticou unha gran afluencia de público coma en anos anteriores e rematou animando a xente a “pasalo ben e coidar desta marabillosa contorna”.

Enviar comentario * Enderezo de e-mail non publicado. Os campos obrigatorios estan marcados con *

0 Comentarios

Pra continuar usando este sitio web, tes que estar de acordo co uso de cookies. more information

As propiedades das cookies nesta páxina está postas como "permitido cookies" para dar a mellor navegación posible. Se ti continuas usando o sitio web sen cambiar as propiedades das cookies or premendo "Aceptar", indicará que estás de acordo con iso

Close