O Festival Armadiña Rock Estrella Galicia, que celebrará a súa décima edición do 24 ao 26 de agosto en Combarro, publica un cartaz de espectáculo, no que destacan as bandas españolas La Pegatina e Amparanoia e os galegos Ses e Terbutalina.
A ACDeM Armadiña vén de publicar nas redes sociais o cartaz do que será a décima edición do Festival Armadiña Rock Estrella Galicia, un evento que xa é referencia no circuíto musical galego. Entre os obxectivos desta iniciativa, que naceu coa vontade de apoiar á equipa de fútbol local, saliéntanse a difusión da música galega e en lingua galega, a introdución da mocidade no circuíto musical e a interconexión de diferentes xeracións arredor da música. Ademais, preténdese que Combarro se estableza como referente cultural e non só turístico.
Os concertos desta décima edición estarán protagonizados polas seguintes bandas: La Pegatina, Amparanoia, SES, Terbutalina, Banda Xangai, Zënzar, Sonoro Maxín, The Lákazans, Skándalo GZ, A Banda da Loba, Noite Fechada, Dudecan e Voodoo. Na programación tamén se ofrecerán actividades de ámbito familiar, coma un concerto punkinfantil, espectáculos circenses e teatrais, pasarrúas a cargo de Fanfarria Farruxa, Balkan Paradise Orchestra e Batucada Os Queimatasas e un espazo no que presentar proxectos musicais, sociais ou culturais.
Coma xa é costume no marco deste evento, haberá acampada de balde no lugar de A Reiboa, nas inmediacións do núcleo do festival. O evento, que é totalmente gratuíto, está organizado pola ACDeM Armadiña e conta co apoio de Estrella Galicia, Concello de Poio, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e unha ampla lista de colaboracións a título persoal e privado.