CON SENTIDIÑO! O Festival Armadiña Rock Estrella Galicia publica o spot da súa décima edición

O Festival Armadiña Rock Estrella Galicia publicou na mañá do martes 7 de agosto o spot da décima edición, que se pode visualizar na súa canle oficial de Youtube (https://youtu.be/cFx3OIpFCDQ). Nel aparece a veciñanza de Combarro traballando arreo durante a madrugada nunha misteriosa “descarga” que moito ten que ver coa edición número dez do destacado evento musical. Os braceiros, encarnados principalmente por membros da asociación Armadiña, están liderados pola actriz Isabel Risco, colaboración especial da peza. Alén de varios membros da asociación, o vídeo foi elaborado grazas á colaboración dos realizadores José Aragunde e Juan Barcia.

 

A través desta peza audiovisual, a asociación Armadiña quixo facer un guiño á serie Fariña, que tanto éxito acadou este mesmo ano, e sumarse á reivindicación da gran calidade e recoñecemento que está a conseguir o sector audiovisual galego. De feito, a asociación tamén organiza o certame Curtas Armadiña, que celebrará a súa cuarta edición a finais de novembro.

 

O formato spot xa se define como unha característica definitoria do festival Armadiña Rock. As tres pezas que anunciaban a edición do ano 2010 volvéronse virais e chegaron a aparecer en numerosos medios galegos e españois. Nelas, tres combarrenses versionaban “ao seu xeito” tres temas clásicos do rock en inglés mentres realizaban tarefas tradicionais na vila. Así mesmo, a peza “Sen complexos”, coa que se promocionaba o festival do ano pasado, chegou a superar as 10 000 reproducións na rede.

 

La Pegatina, Amparanoia e as bandas galegas SES e Terbutalina serán as cabezas do cartel deste ano. Polo escenario principal, ubicado na Praza da Chousa, tamén pasarán Banda Xangai, Zënzar, Sonoro Maxín, The Lákazans, Skándalo GZ, A Banda da Loba, Noite Fechada, Dudecan e Voodoo. A programación completarase con actividades de ámbito familiar, coma un concerto punkinfantil, espectáculos circenses e teatrais e con pasarrúas, que correrán da man de Fanfarria Farruxa, Balkan Paradise Orchestra e Batucada Os Queimatasas. O décimo festival Armadiña Rock celebrarase entre o 24 e o 26 deste mes de agosto.

Pra continuar usando este sitio web, tes que estar de acordo co uso de cookies. more information

As propiedades das cookies nesta páxina está postas como "permitido cookies" para dar a mellor navegación posible. Se ti continuas usando o sitio web sen cambiar as propiedades das cookies or premendo "Aceptar", indicará que estás de acordo con iso

Close