ARMADIÑA ROCK: DEZ ANOS DE MÚSICA A PIQUES DE ARRINCAR

O Festival Armadiña Rock Estrella Galicia presenta a programación da súa décima edición nunha rolda de prensa na Praza da Rualeira

 

Esta mañá tivo lugar na Praza da Rualeira de Combarro a presentación oficial da décima edición do Festival Armadiña Rock Estrella Galicia, que se celebrará nesta mesma vila do 24 ao 26 de agosto. Nela estiveron presentes representantes da asociación organizadora, ACDeM Armadiña, e principais patrocinadores (Concello de Poio, Deputación de Pontevedra e Estrella Galicia).

 

Neste marco, Tamara Andrés e Afonso Vilanova, representantes da organización, fixeron lembranza do percorrido do festival, presentaron a programación e incidiron nas novidades desta décima edición. Este ano, alén de acoller a bandas estatais de referencia como son La Pegatina ou Amparanoia ou de recibir proxectos referentes a nivel galego, entre os que se atopan SES, Terbutalina ou a Banda Xangai, na que se reúnen coñecidos músicos da música bravú, o festival ofrece a programación familiar máis ampla de todas as edicións, que se estenderá ao longo de toda a vila para dotala dun ambiente ben festivo. Tamén se instalará un punto morado na Praza de Chousa no que haberá persoal especializado e no que se poderá solicitar información. Desde a comisión tamén se fixo referencia ao éxito acadado polo spot ‘Con sentidiño’, un vídeo ‘con toques fariñentos’ que se publicou hai unha semana co fins promocionais e para o que a Asociación Armadiña contou coa colaboración da actriz Isabel Risco e os realizadores J. Aragunde e Juan Barcia. En último lugar, destacouse a presenza de mulleres músicas que pasarán polo escenario desta edición. A visibilización da muller no sector musical é, precisamente, un dos obxectivos do festival, que tamén inclúe na edición deste ano a exposición ‘Músicas galegas ilustradas’, un proxecto da tamén música Laura Romero.

 

Pola súa banda, Xosé Leal, Deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, destacou o carácter multidisciplinar do festival e definiuno como unha aposta pola galeguidade e pola igualdade. Luciano Sobral, Alcalde de Poio, remitiu á necesaria colaboración entre as institucións públicas e as entidades privadas e lanzou un convite a un festival que, nas súas palabras, ‘vai atraer miles de persoas e é un referente a nivel galego e estatal’.

Pra continuar usando este sitio web, tes que estar de acordo co uso de cookies. more information

As propiedades das cookies nesta páxina está postas como "permitido cookies" para dar a mellor navegación posible. Se ti continuas usando o sitio web sen cambiar as propiedades das cookies or premendo "Aceptar", indicará que estás de acordo con iso

Close